Skip to content Skip to footer

15.000 persoas desafiaron ao tempo para gozar do Ribeiro na Feira do seu viño, que cada vez capta a máis xente moza

A 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, celebrada entre o xoves 1 e o domingo 4 de maio en Ribadavia, pechou as súas portas cun balance moi positivo por parte da organización. A pesar das condicións meteorolóxicas adversas, con choiva e treboadas nalgúns momentos, a Feira volveu atraer a arredor de 15.000 visitantes, unha cifra semellante á do pasado ano e que consolida o evento como unha cita imprescindible para os amantes do bo viño.

Desde a organización destacan non só a boa afluencia de público, pese as adversidades meteorolóxicas, senón tamén a mellora nas vendas con respecto á edición anterior. Vendéronse máis botellas de viño e, sobre todo, constatouse o bo futuro que lle agarda ao viño do Ribeiro grazas á incorporación dun novo perfil de consumidores: “Cada vez máis xente nova aposta polo viño do Ribeiro, valorando a súa calidade por riba do prezo, e iso é unha excelente noticia para o sector”, apuntan.

No mesmo senso se manifestou o alcalde de Ribadavia, César Fernández, que destaca que “a Feira do Viño do Ribeiro volveu demostrar que Ribadavia é unha referencia imprescindible no calendario enoturístico de Galicia. A afluencia, mismo con mal tempo, confirma o interese crecente polo noso viño e, especialmente, pola súa calidade”, apunta. “É moi alentador ver como a xente nova se achega ao Ribeiro con entusiasmo. Este evento non só promove un produto único, senón que dinamiza a nosa vila e a comarca enteira”, remarca.

O éxito da Feira non se debeu unicamente ao viño. Actividades paralelas como os showcookings, as rutas en bus do viño ou os espazos gastronómicos contribuíron a dinamizar o recinto e a ofrecer unha experiencia completa aos asistentes. Durante os 4 días de celebración, organizáronse catro catas comentadas con expertos sumilleres, seis obradoiros de cocina con recoñecidos chefs nas que, por suposto, o protagonista era o viño do Ribeiro para as elaboracións ou maridaxes. Ademais, o IES O Ribeiro participou facendo unha presentación de balde e por medio do persoal docente do Grao Medio de Aceites de Oliva e Viños e do Grao Superior de Vitivinicultura.

A todas estas actividades relacionadas directamente co viño non lles pudieron faltar tampouco o acompañamento musical, que comezou coa inauguración da Feira na que participaron a Banda A Lira de Ribadavia e a Real Banda de

Gaitas da Deputación de Ourense. O venres, a noite amenizouna o Grupo América fronte ao Castelo dos Condes, mesmo lugar onde, o sábado, sería a quenda de Claxxon para animar a festa na capital do Ribeiro. Xa no último día de celebración, o domingo, foron Airiños de A Arnoia quen protagonizaron o pasarrúas acompañando a Don Pedro e Dona Ana dende a rúa Progreso ata o
palco do recinto feiral, onde actuaron posteriormente.

Unha Feira do Viño que volveu a ser un éxito tamén grazas á axuda e traballo imprescindible dos arredor de 30 voluntarios e voluntarias que participaron na Feira do Viño e que se uniron ao traballo feito por protección civil, policía local e demais entidades que velaron porque toda a Feira se desenvolvese, como así foi, segundo o previsto.

Con este balance, a Feira do Viño do Ribeiro reafirma o seu papel como escaparate esencial para a promoción dun dos viños con máis tradición de Galicia, e como motor de dinamización económica e turística para Ribadavia e a comarca.