A 61ª FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO XA TEN CARTEL

con No hay comentarios

Alexandra Pérez Quiroga (Lyon-Francia) gaña o concurso de entre as 74 obras presentadas

O xurado do Concurso de Carteis da 61ª Feira do Viño do Ribeiro reuniuse hoxe, 31 de xaneiro, na sede do Consello Regulador do Ribeiro, en Ribadavia, para elixir o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2024, que terá lugar na vila ribadaviense do 3 ao 5 de maio.

O cartel gañador está deseñado por Alexandra Pérez Quiroga, galega residente en Lyon (Francia), e foi elixido entre 74 propostas presentadas nesta edición do concurso. Ela é unha ilustradora galega que vive en Francia dende fai oito anos. Traballa como ilustradora e deseñadora gráfica dende 2015. No seu traballo, como na vida real “intenta dar un toque de humor, simbolismo e accesibilidade. Creando composicións que desaperten a alegría, a curiosidade e que o público poida conectar nese sentido.” O seu traballo artístico inspírase na mitoloxía, a natureza e a cultura popular. A artista tamén indica que “lle interesa moito o misticismo do folklore coma os contos e as historias de tradición oral galegos”.

Para a elección do seu cartel anunciador, o Concurso de Carteis da 61ª Feira do Viño do Ribeiro contou cun xurado integrado por profesionais no ámbito do deseño gráfico e dos coorganizadores da Feira do Viño. O grupo tivo que deliberar entre 20 obras preseleccionadas polo público. Un total de 354 persoas emitiron os seus votos durante o prazo, que foi dende o 19 ata o 28 de xaneiro. Todas elas foron sometidas ao xuízo, resultando a obra gañadora premiada con 1.000€.

Participaron como membros do xurado:

  • Juan M. Casares, presidente do C.R.D.O. Ribeiro.
  • María Luz Expósito, segunda tenente de alcalde do Concello de Ribadavia.
  • Jaime Díaz, de Incubarte, creatividad multicanal.
  • Luis Estévez, de Oeste Marketing.

O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan M. Casares, comenta: “consideramos un éxito o de volver ao formato anterior de selección do cartel a través dun concurso. Quero salientar o obxectivo de lograr unha alta participación popular na preselección do cartel que representará esta feira, na que votou moita xente: veciños de Ribadavia, visitantes da mesma e moitas máis persoas dos concellos de arredor.”

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, engade que “estamos moi satisfeitos polos máis de 300 votos do público, xente que se achegou á exposición que se puido visitar durante 10 días no local social da Madalena, así logramos facer máis participativa esta vindeira Feira do Viño do Ribeiro, involucrando aos veciños e veciñas de Ribadavia”.