A organización da Feira do Viño do Ribeiro (Concello de Ribadavia e CRDO Ribeiro) presentou o cartel da edición número 59ª, que terá como data de celebración do evento os días 29 e 30 de abril e o día 1 de maio de 2022, nas que volverá ao seu formato de sempre no recinto da Alameda de Ribadavia.
O cartel está deseñado por A&B Comunicación, estudio que leva case unha década traballando dende Ribadavia e que está formado por Ainhoa Viñuela Don e Blanca Selas Chao.
Ainhoa é Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e Técnica Superior en Realización de Audiovisuais, mentres que Blanca é Licenciada en Comunicación Audiovisual e Técnica Superior en Imaxe. Na súa carreira profesional destacan, entre moitas outras cousas, numerosos carteis para a MIT Ribadavia, festivais musicais e culturais, e a súa especialidade é o eido audiovisual, contando cuha ampla experiencia en proxectos fotográficos e audiovisuais.
En referencia da idea do cartel, a súas autoras comentan que “é unha proposta moi colorista e vitalista na que a través da técnica do caleidoscopio descompoñemos uvas, vides, follas e mesmo o patrimonio para facer unha amalgama que aglutine aqueles aspectos que fan que O Ribeiro sexa unha comarca única, centrándonos na importancia e protagonismo dos seus viños”.
Participaron no acto de presentación:
- Noelia Rodríguez Travieso – Alcaldesa do Concello de Ribadavia
- Juan M. Casares Gándara – Presidente do Consello Regulador da D. O. Ribeiro
- Paula Rodríguez Domínguez – Tenente de Alcaldía do Concello de Ribadavia
- Brais Fidalgo Martínez – Portavoz do Concello de Ribadavia
- Ainhoa Viñuela Don – A&B Comunicación (Autora do cartel)
- Blanca Selas Chao – A&B Comunicación (Autora do cartel)
Nos vindeiros días darase a coñecer a programación de actividades e o listado de adegas e colleiteiros participantes.
Pódese seguir toda a información sobre a Feira do Viño do Ribeiro na web www.feiravinoribeiro.com e nas súas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter).
