O Concello de Santiago de Compostela acolleu a presentación da 59ª edición
A organización da Feira do Viño do Ribeiro (Concello de Ribadavia e CRDO Ribeiro) presentou o programa de actividades da edición número 59ª, que terá como data de celebración do evento os días 29 e 30 de abril e o día 1 de maio de 2022, nas que volverá ao seu formato de sempre no recinto da Alameda de Ribadavia.
No acto celebrado esta maná no Concello de Santiago de Compostela, participaron as seguintes autoridades:
- Xosé Antonio Sánchez Bugallo – Alcalde do Concello de Santiago de Compostela
- Ignacio Gómez Pérez – Concelleiro do Concello de Ribadavia
- Juan M. Casares Gándara – Presidente do Consello Regulador da D. O. Ribeiro
- Cristina Otero Alonso – Concelleira de Turismo e Xuventude do Concello de Ribadavia
Xosé Antonio Sánchez Bugallo destacou a acollida e a importancia histórica que sempre tivo o viño do Ribeiro en Compostela, mencionando incluso que nalgunha época nas súas rúas e tabernas consumíase máis viño do Ribeiro ca en todo o territorio nacional.
Pola súa parte, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Casares, sinalou que este evento é a volta á normalidade, coa celebración da FVR no seu formato de sempre ao aire libre e con público, ao cal convidou a asistir á Ribadavia para pasar unha gran xornada e esquecer os duros momentos vividos durante a pandemia.
Finalmente, Ignacio Gómez resaltaba o esforzo e o traballo que levan os viticultores, adegas e colleiteiros durante todos estes anos para elaborar e producir o viño do Ribeiro e que xa se leva case 60 anos celebrando este emblemático evento. Agora toca unha fase para superar a crise provocada pola Covid e poñer en valor o traballo de todos os produtores do Ribeiro.
Na seguinte ligazón pódese consultar a rolda de prensa de presentación dun xeito íntegro: https://www.youtube.com/watch?app=desktop&v=oN_a4p55ERw
PROGRAMA
Datas: Primeira fin de semana do mes de maio. Este ano coincidirá cos días 29 e 30 de abril e 1 de maio de 2022.
Lugar de celebración: Ribadavia (Ourense). No recinto de la Alameda.
Principais actividades:
• Exaltación e degustación dos viños do Ribeiro
• Cata Popular (cataranse a cegas os viños das adegas e colleiteiros presentes na Feira do Viño do Ribeiro)
• Catas comentadas con recoñecidos sumilleres
• Gala Entrega Premios da Cata Popular
• Zona de gastronomía (Food Trucks e pulpeira)
• Música en directo en sesións de viño-aperitivo (13.30 h – 15.00 h) e sesión nocturna (21.30 h – 23.00 h)
• Ribeirolandia (Actividades para nenos con atraccións, colchonetas e monitores)
• Visitas guiadas ao Castelo de Ribadavia e ao Museo do Viño de Galicia
• Sons do Viño (actuacións musicais en diversas rúas e prazas do conxunto histórico de Ribadavia)
• Exposición dos carteis históricos da Feira do Viño do Ribeiro
Participantes: Contaremos con 34 participantes con caseta propia, 20 adegas e 14 colleiteiros da D.O. Ribeiro.
O pregón deste ano correrá a cargo de D. Arsenio Paz, propietario de Bodega A Vilerma e un dos grandes pioneiros e impulsores do momento actual da D.O. Ribeiro.
Entre as principais actividades desta edición destacan as Catas comentadas, que contarán coa presencia de Susana Barros e de Juanjo Figueroa Treus, que serán os encargados de guiar as sete catas que haberá dos viños de adegas e colleiteiros presentes na FVR.
Susana Barros, actualmente sommelier no Hotel Marriot Santo Mauro Luxury Collection en Madrid, local asesorado por Rafa Peña (Restaurante Gresca, Barcelona) impartirá as catro catas da xornada do sábado.
O domingo será Juanjo Figueroa, Presidente de AGASU (Asociación Galega de Sumilleres) e director técnico do Instituto Galego do Viño, así como sumiller do Lume de Carozo (Vigo) o que leve a cabo as tres catas de ese día.
Por outra parte, unha actividade xa moi consolidada, como é a Cata Popular, volverá a ter o seu espazo dentro da programación. Será na tarde do venres e ao longo de todo o sábado no local social da Magdalena onde, como en anos anteriores, o público participante catará a cegas os viños que se presenten ao concurso, dos que sairán os viños premiados nas diferentes categorías (branco de adegas, branco de colleiteiros e tintos).
Dentro do recinto haberá unha zona gastronómica, con varias Food Trucks e unha pulpeira, que estarán acompañadas na sesión viño aperitivo (en torno ás 14.00 h) e na sesión nocturna (a partir das 21.00 h) de varios artistas musicais que farán bailar e gozar aos asistentes. Os máis cativos tamén disporán do seu espazo en Ribeirolandia, onde poderán xogar e divertirse mentres os seus familiares degustan un viño tranquilamente.
Como actividades complementarias, poderase visitar o Museo do Viño de Galicia, admirando as fermosas paisaxes da zona e coñecer un pouco máis da cultura histórica e do mundo do viño do Ribeiro. Tamén se levarán a cabo visitas durante toda a fin de semana ao Castelo de Ribadavia e no local da Magdalena, haberá unha exposición permanente durante todo o evento, de tódolos “carteis históricos das edicións da Feira do Viño do Ribeiro”.
Pódese seguir toda a información sobre a Feira do Viño do Ribeiro na nosa web e redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter).
Para calquera información adicional poden dirixirse a:
Noelia Rodríguez Travieso – Alcaldesa do Concello de Ribadavia
679607153 / 988477100