Celso Rodríguez Padrón será o pregoeiro da Feira do Viño do Ribeiro

con No hay comentarios

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, natural de Ribadavia, será o encargado da apertura desta nova edición da Feira do Viño do Ribeiro que se celebrará en Ribadavia do 3 ao 5 de maio.

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, Celso Rodríguez Padrón, será o pregoeiro da Feira do Viño do Ribeiro 2024. O maxistrado, natural de Ribadavia, é unha persoa con unha ampla e recoñecida traxectoria profesional na carreira xudicial, o que, sen dúbida, aporta un valor engadido a esta nova edición da Feira do Viño do Ribeiro que se celebrará do 3 ao 5 de maio de 2024 en Ribadavia. O Concello de Ribadavia e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, entidades organizadoras da Feira do Viño anunciaron esta mañá que o Ribadaviense, Celso Rodríguez Padrón será o pregoeiro desta nova edición da Feira, converténdose tamén nun perfecto embaixador das excelencias do viño do Ribeiro e da fermosura desta inigualable Enocomarca que ten como capital a Ribadavia.

Para os organizadores da Feira do Viño do Ribeiro poder contar como pregoeiro con un persoeiro do prestixio profesional de Celso Rodríguez Padrón é unha verdadeira honra, e contribúe a dignificar mais se cabe o excelente traballo que adegas, colleiteiros e viticultores fan, día a día, para que o Ribeiro transite polo camiño da excelencia.

Asemade, os organizadores da feira sinalaron que nas vindeiras semanas irase coñecendo polo miúdo o programa completo desta 61 edición da Feira do Viño do Ribeiro.