Skip to content Skip to footer

Ribadavia ultima os preparativos para a 63ª Feira do Viño do Ribeiro, que trae consigo a 1ª Feira de Artesanía

  • A cita reunirá 29 adegas do 1 ao 3 de maio cun programa que combina viño, gastronomía, música e artesanía
  • O pregón de Xosé Carlos Sierra marcará o inicio dunha das grandes citas enogastronómicas de Galicia

Ribadavia, 29 de abril de 2026

Ribadavia conta as horas para o inicio da 63ª Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará do 1 ao 3 de maio e converterá a vila no epicentro do viño, a gastronomía e a cultura galega durante toda a fin de semana.

A inauguración oficial terá lugar este venres ás 12:00 horas no recinto da Alameda, tras a recepción de autoridades, e contará co pregón de Xosé Carlos Sierra, figura clave na divulgación do patrimonio vitivinícola galego.

A poucos días do arranque, a resposta do público está a ser moi positiva, cunha alta demanda para participar nas actividades da Feira, polo que se recomenda facer a reserva o antes posible.

Unha acollida que confirma o interese que esperta unha feira que, na súa 63ª edición, continúa a consolidarse como referente do calendario enoturístico galego.

29 adegas e unha ampla oferta enoturística

A feira reunirá a 29 adegas e colleiteiros da Denominación de Orixe Ribeiro, ofrecendo ao público unha ampla mostra da calidade e diversidade dos viños da comarca.

Durante as tres xornadas, os asistentes poderán participar na cata popular, asistir a catas comentadas, desfrutar de obradoiros de cociña con profesionais de prestixio e gozar de actuacións musicais en directo.

Entre os nomes destacados figuran a sumiller Marta Cortizas, vinculada a El Celler de Can Roca e recoñecida como mellor catadora de España e da Península Ibérica en 2025, ou a chef Iria Espinosa, do restaurante Árbore da Veira (1 Estrela Michelin), que achegarán a súa experiencia e coñecemento ao público asistente.

A artesanía gaña protagonismo

Como novidade desta edición, a Praza Maior acollerá a Feira de Artesanía de Galicia, no marco do programa Vilas Vivas, incorporando novas propostas creativas ao evento.

Nesta edición participarán 16 artesáns e artesás chegados de distintos puntos de Galicia: Anabelenjarrín, Dona Formiguinha, El taller muy secreto, Enxógate, Hana no Boshi, J. Eiroa Forxa, Liño e Lá, Mar.e.arte, María Monsalve, Montse Betanzos, Moura, Roberto Buchanan, Silvereira, Troula Instrumentos, Vacatola e Zimzelatum.

Dentro desta, participarán tres creadores de gran prestixio e pertencentes a distintas disciplinas:

  • Coiro Tres Pés, con pezas contemporáneas en coiro que combinan deseño e tradición
  • Pal.lium, proxecto téxtil que reinterpreta a tradición galega con fibras naturais
  • Susana Anta, cunha proposta cerámica recoñecida pola súa presenza en espazos gastronómicos de alto nivel

Unha feira máis accesible e aberta

A organización reforza tamén nesta edición o seu compromiso coa accesibilidade, incorporando interpretación en lingua de signos en distintas actividades, co obxectivo de facilitar a participación de todos os públicos.

Unha fin de semana para vivir o Ribeiro

A Feira do Viño do Ribeiro volverá ofrecer unha experiencia completa arredor do viño, combinando degustacións, gastronomía, música e patrimonio nun entorno único como é a vila de Ribadavia.

Desde a organización animan a veciños e visitantes a achegarse durante toda a fin de semana para desfrutar dunha cita que, tras máis de seis décadas de historia, segue a medrar e innovar sen perder a súa esencia.

Leave a comment